luns, 10 de outubro de 2016

AS CORES DO AMENCER

Estes días nos que seguimos a gozar dun tempo despexado e con temperaturas moi agradables na parte central do día, tamén podemos contemplar preciosos amenceres como o que vos amosamos na fotografía.
O que máis caracteriza estes momentos do día, así como tamén o solpor, son os tonos vermellos que lle dan esa calidez tan especial. 
A explicación é sinxela. Nesas horas, os raios do sol entran case paralelos á superficie terrestre, co cal teñen que percorrer moita máis distancia (ata 10 veces máis) ata chegar ata nós. 
A atmosfera está chea de partículas, gotas de auga, cristais, po...e este tipo de materia ten a propiedade de que cando choca a luz con eles, rebota e sae despedida en todas direccións. 
Este fenómeno chámase dispersión e resulta máis acusado na luz con menor lonxitude de onda, que é a azul. Pero a de maior lonxitude de onda, que é a vermella, non experimenta de modo tan acusado este fenómeno e é quen de atravesar a atmosfera sen sufrir apenas transformación.
Por iso, no amencer e no solpor, como a luz percorre moitos quilómetros pola atmosfera, existen máis posibilidades de interacción con partículas, e so a luz vermella e alaranzada chega sen distorsionarse ata nos.
O que xa non podemos explicar moi ben é por qué esa sensación de paz e tranquilidade que nos transmite un amencer ou un solpor....e mira que vemos miles ao longo da nosa vida eh¡¡¡



Ningún comentario:

Publicar un comentario