venres, 28 de febreiro de 2014

EXPOSICIÓN SOBRE O QUENTAMENTO GLOBAL


O alumno de 1ºESO B, Antonio Rodríguez, expón o traballo do seu grupo de Proxecto Interdisciplinar sobre o quentamento global. O traballo foi titorizado polo seu profesor, Leonardo Piñeiro.


EXPOSICIÓN SOBRE O QUENTAMENTO GLOBAL

 A alumna de 1ºESO B, Ángela Soto, expón o traballo do seu grupo de Proxecto Interdisciplinar sobre o quentamento global. O traballo foi titorizado polo seu profesor, Leonardo Piñeiro.


xoves, 27 de febreiro de 2014

EXPOSICIÓN SOBRE O QUENTAMENTO GLOBAL

O alumno de 1ºESO B, Martín Varela, expón o traballo do seu grupo de Proxecto Interdisciplinar sobre o quentamento global. O traballo foi titorizado polo seu profesor, Leonardo Piñeiro.


EXPOSICIÓN SOBRE O QUENTAMENTO GLOBAL


Sergio Pazos, alumno de 1ºESO B, presenta o traballo realizado polo seu grupo de Proxecto Interdisciplinar. O traballo foi titorizado polo seu profesor, Leonardo Piñeiro.

xoves, 20 de febreiro de 2014

CAPÍTULO 3 NOVO PEQUENO CATÁLOGO DE TEMPOS E ACORDES

Esta terceira entrega do pequeno catálogo estaba pedindo xa entrar desesperadamente. O vento sufrido nas últimas semanas facía imprescindible dedicarlle uns minutos a ver a razón de por qué hai vento e sobre todo por qué ás veces provoca efectos tan devastadores. Nesta entrada coméntovos algo diso. En canto á música que o acompaña elixín un tema de Phil Collins. Seguimos buscando sons novos, cancións curiosas, diferentes...haberá un pouco de todo nesta sección; a razón dista é o uso tan central e espectacular que ten a batería na canción, que lle confire un toque potente á vez que misterioso e estraño...en canto á letra fala do aire ou algo que ven polo aire ¿que é? non o sei...ningúen o sabe. A canción tivo moito éxito a principios dos anos 80, sobre todo grazas a saír nun capítulo de Miami Vice, unha serie moi famosa nesa época, e o que quere dicir a súa letra converteuse en motivo de culto. Que cada un interprete o que queira...pero coidado co aire, pode traer cousas malas...



agora preme aquí para ver o vídeo da canción

mércores, 19 de febreiro de 2014

RECUPERAMOS A NORMALIDADE

Despois da sucesións de fenómenos extremos nos últimos dous meses, parece que voltamos á normalidade. Na anterior entrada Julia xa vos deixaba un vídeo para explicar o sucedido. Pronto teredes o 3º capítulo do novo pequeno catálogo de tempos e acordes, dedicado ao vento.
Hoxe déixovos unha foto bonita á saída do sol, no que entre as nubes (estrato-cúmulos) se contemplaban unhas cores moi chulas. Un dos capítulos do catálogo ímosllo dedicar a explicar por qué estas cores e por qué en momentos tan concretos como son o mencer e o solpor.



luns, 17 de febreiro de 2014

V TELEVISIÓN EXPLICA A SUCESIÓN DE BORRASCAS EXPLOSIVAS

V Televisión ten unha sección de meteoroloxía explicando os últimos fenómenos que sucederon en Galicia. Neste vídeo un meteorólogo explícanos o porqué da sucesión de borrascas explosivas destes últimos meses.
(Pincha na imaxe e ten un pouco de paciencia xa que lle costa cargar o vídeo)

Historias do tempo

venres, 14 de febreiro de 2014

OUTRA CICLOXÉNESE E VAN...

Hoxe era o día dos namorados pero se ve que os Santos non poden cos Deuses e San Valentín tivo que doblar o xeonllo ante o Deus EOLO que ultimamente está máis activo do normal...
Hoxe "Meteogalicia" asustábanos con este mapa de isobaras
mapa isobaras para o venres 14 de febreiro de 2014 ás 18:12h
Se vos fixades é espectacular. Temos unha borrasca moi profunda á altura de Irlanda que no seu núcleo acada os ¡¡956 HPa¡¡, tremendo. Pero o curioso xa no é que as isobaras estean tan apretadas que sean case ilexibles os seus valores de presión...fixédevos na encerrona que lle fixeron a esta borrasca os anticiclóns de as Azores (nesta ocasión moi potente), outro no norte de África y un terceiro pechando o corredor situado en centroeuropa e Rusia...¿por onde van escapar eses ventos logo? por ningures. So lles queda apretarse máis e máis facendo forza e chegando a toda velocidade en forma de "Ulla", a enésima cicloxénese explosiva que nos ataca este ano. Hoxe a nosa estación automática rexistrou 117 km/h...¿queredes comprobalo? aquí vos deixo un vídeo de proba, atención á velocidade do vento en terra (ruido e a palmera a piques de saír voando) e aló arriba (velocidade das nubes espectacular)


martes, 11 de febreiro de 2014

AUTÉNTICOS CÚMULO-NIMBOS

Non é de estrañar que nesta incesante avalancha de temporais nos atopásemos con unhas nubes como estas.
Os cúmulo-nimbos son nubes de gran desenvolvemento vertical (poden ser de varios quilómetros de altura) e traen moita chuvia e incluso aparello eléctrico. Están provocadas por masa de aire quente que ascenden rápidamente xirando sobre si mesmas xerando esas formas tan curiosas e caprichosas como a que vemos na fotografía de hoxe.  Son sinónimo de gran inestabilidade atmosférica...¡e que o digas¡
Cúmulo-nimbos ao amencer

sábado, 8 de febreiro de 2014

¿QUE TEMOS PARA HOXE?

Pois hoxe toca unha de vento ben potente, dese que menea as palmeiras e bandeiras do colexio, un pouco de auga, por rachas, así que empape ben o ambiente, e para poñerlle unha nota sonora e contundente hoxe temos unha sesión curta pero intensa de saraiba con pedrisco de tamaño considerable.
Aí vai...
vento, vento e máis vento no colexio

gotas de chuvia como decorado permanente

sarabeando sobre a ría


venres, 7 de febreiro de 2014

CAPÍTULO 2-NOVO PEQUENO CATÁLOGO DE TEMPOS E ACORDES

Seguimos o noso percorrido musical polo mundo da meteoroloxía. E hoxe é precisamente ela a que nos pediu unha canción. Realmente o que fixo foi ensinarnos hoxe pola mañá unha precioso arco de vella dobre e pensamos ¿Por que non explicamos algunha curiosidade deste bonito fenómeno e de paso lle dedicamos unha canción? Dito e feito.
E para iso véusenos a cabeza un tema moi orixinal (que curiosamente non é orixinal...porque é unha versión dobre, como o noso arco da vella de hoxe) dun artista hawaiano de difícil nome, e que se fixo famoso por formar parte da banda sonora da película "Descubrindo a Forrester". Déixate atrapar polos acordes do seu ukelele e goza cunha versión de dúas das cancións máis famosas da historia.

capítulo 2- o arco da vella

 capítulo 2-Israel kamakawiwoole-medley over the rainbow what a wonderful world


AGORA PREME AQUÍ PARA ESCOITAR A CANCIÓN

UN REGALO PARA OS OLLOS

Estes días de temporal tras temporal parece que non traen máis que imaxes de vento forte, mar cabreado e perigoso, chuvia e máis chuvia...pero tamén nos pode deixar imaxes tan bonitas como as de hoxe do ARCO DA VELLA. 
O arco de vella xa é de por si un fenómeno físico precioso pero cando temos a posibilidade de contemplar un DOBRE xa é espectacular.
Para coñecer os fundamentos físicos do fenómeno terás que entrar no capítulo 2 do "Novo pequeno catálogo de tempos e acordes" de inminente publicación...
De todos os xeitos adianto que se debe á refracción da luz branca do sol cando atravesa gotiñas de chuvia esféricas, que a leva a descompoñerse en 7 cores. É curioso ver que as cores do arco secundario están invertidos respecto ao primario, e que é bastante menos intenso. A próxima vez que observes un, fíxate no negro que está o ceo entre eles...iso tamén ten explicación (capítulo 2...catálogo...tempos e acordes...)
Ahh¡¡ esquecíame...este regalo da natureza é exclusivo para ti...ninguén ve dous arcos da vella iguais, veñen "customizados de serie". Para comprender iso pensa que a cor depende do ángulo co que incida a luz naquilo que queremos ver...e ninguén está xusto na posición onde está outra persoa ¿entendes?

Esta mañá ao chegar a San sadurniño viamos isto



E xa no colexio contemplamos esta preciosa estampa






Xa vedes, non hai mal que por ben non veña. Neste temporal non todo ía a ser deprimente. A verdade é que temos a oportunidade de ver a natureza en estado puro...e impresiona.


xoves, 6 de febreiro de 2014

HOXE TOCAN...CIRRO-CÚMULOS

Nesta lección acelerada de meteoroloxía que nos está a traer o 2014, hoxe tocan...OS CIRROCÚMULOS. É que é tal a variedade de nubes á que estamos asistindo os últimos días que xa nos parecía estraño que non apareceran estas.
Son un tipo de nubes simétricas, moi regulares, sinais de zonas de turbulencia a esa altura e que soen ser indicativo de que se aproximan tormentas ou polo menos de inestabilidade atmosférica...e vaia que se aproximan: ¡non saímos dela¡
A instantánea que tomamos hoxe amosa o sol loitando por facerse ver tras dese manto espeso de nubes brancas. Non obstante, son bonitas ¿non si?



martes, 4 de febreiro de 2014

GRAFICAS DE PRECIPITACIÓN E TEMPERATURA DE NOVEMBRO 2013


Gráficas de precipitación e temperatura elaboradas polos alumnos de 1ºESO a partir dos datos da estación meteorolóxica automática do CPI San Sadurniño.



¡VAIA MAPA DE ISOBARAS¡

Hoxe merece a pena poñervos o mapa de isobaras que Meteogalicia nos proporcionaba para hoxe ás 7 da tarde. É de libro.
Mirade que xuntiñas están esas liñas que marcan os puntos coa mesma presión (isobaras), o cal nos di que o aire ten que percorrer moi pouco traxecto para meterse nunha zona de menor presión, o cal se traduce en que colle unha velocidade desmesurada. Observade tamén como dous potentes anticiclóns situados en centroeuropa e nas Azores se poñen farrucos e din "por aquí non pasa ningúen" forzando ao aire frío e húmido do Atlántico norte impulsado por esas borrascas superprofundas (¡¡ 952 HPa ¡¡) a pasar a toda velocidade por un estreito corredor cara o Mediterraneo, pillándonos de pleno. Así que, xa sabedes, o que avisa non é traidor, e para máñá a cousa non pinta nada ben: moito coidado preto dese mar tolo que non embiste estes días, e atentos a todo aquilo que poida voar, porque fará o papel de arma arroxadiza.

luns, 3 de febreiro de 2014

SEGUIMOS CUN OLLO POSTO NO CEO...

Neste espectacular inicio de ano 2014 non nos cansamos de mirar cara arriba e ver ese ceo gris. A verdade é que cada día descubres algo novo; parecen as mesmas nubes de sempre pero non é así.
Hoxe por exemplo tivemos un claro exemplo do revolta que anda a atmosfera aló arriba.
Se mirabamos ao sur viamos isto
Unha curiosa mestura de cúmulos (nubes de chuvia) con cirros (nubes que non traen chuvia), estratos (nada de chuvia); incluso os cúmulos chegaban a parecer nimbos do compactos e escuros  que estaban. Ademáis unhas nubes estaban altas e outras moi baixas. En definitiva un pouco de todo, síntoma que as condicións de humidade, vento, temperatura... pola troposfera son do máis variado.
Polo menos podiamos ver o azul do ceo detrás, algo de luz, algo de "esperanza"...truncada definitivamente ao xirar a cabeza ao norte e ver que as profundas borrascas situadas no Atlántico Norte nos traen unha boa remesa de nubes a unha velocidade espectacular, o que se traduce en fortes ventos que nos sitúan preto dunha nova cicloxenese explosiva para mañá...agarrádevos¡¡¡

CAPÍTULO 1-NOVO PEQUENO CATÁLOGO DE TEMPOS E ACORDES.

Empezamos a nosa viaxe musical a voltas co tempo. E haberá que empezar polo principio ¿non?. Por iso dedicámoslle o noso primeiro capítulo a definir o propio concepto que nos ocupa: a meteoroloxía. Despois Daniel Higiénico daranos a súa particular visión deste tema e do home do tempo "que todos levamos dentro"
 a meteoroloxía

 Daniel Higiénico "el hombre del tiempo"

AGORA PREME AQUÍ PARA ESCOITAR A CANCIÓN





domingo, 2 de febreiro de 2014

UNINDO A METEOROLOXÍA COA MÚSICA

Empezamos hoxe unha viaxe ao longo do tempo...pero do tempo meteorolóxico. E non será unha viaxe normal; botaremos man da música para facela máis amena.
O proxecto nace co obxectivo de ir explicando de xeito moi sinxelo os conceptos mais básicos da meteoroloxía, buscando na inmensidade do panorama musical algunha referencia a ese fenómeno e engarzando as dúas caras desta moeda nunha simbiose que esperamos que resulte atractiva. 
Na cara A falaranos a ciencia. Na cara B deixaremos que sexa a música quen se exprese. 
Pensamos en chamarlle a esta criatura NOVO PEQUENO CATÁLOGO DE TEMPOS E ACORDES...co permiso de "El último de la fila"; esperamos que non resulte pretencioso e que nos acompañedes nesta viaxe musical, máis que nada porque, ao mellor tedes que botarnos unha man...
Cada vez que publiquemos unha entrada atoparédesvos algo así:


Nos vos cortedes, facede clic e abride os ollos e as orellas.
Mañá, o capítulo 1:  A METEOROLOXÍA

¿UN NOVO TEMPORAL? ¿OU É O MESMO QUE NON CESA?

A verdade é que nin os máis vellos do lugar lembran un fenómeno tan continuado de temporal coma o que estamos sufrindo. 
Hoxe domingo o sol quixo aparecer, máis que nada para dicirnos que aínda está aí, detrás das espesas nubes que nos asolagan. Déixovos unhas fotiños do solpor, ese momento máxico no que os últimos raios de sol loitan e perden a batalla contra o tempo...


Pero foi poñerse o sol e poñerse en marcha a outra cara da moeda...desta volta déixovos un pequeno vídeo tomado con móbil na praia de Riazor en Coruña. Non é a primeira vez que ocorre pero podedes comprobar que o mar sempre quere recuperar aquilo que no seu momento se lle quitou; a verdade impresiona.
Aproveitando...PRECAUCIÓN; como diría aquel...SENTIDIÑO estes días preto deste mar enbravecido.





































E O RÍO SEGUE CHEO¡¡

Nesta foto do rio Castro á altura da presa do muíño de Serafín vemos o cauce cheo de auga.



Nestoutra imaxe vemos os sedimentos que arrastrou o río. A repetición deste proceso ó longo de millóns de anos deu lugar a estas veigas de terreos moi fértiles. Por desgracia, o río non apaña soamente cousas boas...

E foi moito o que choveu...


sábado, 1 de febreiro de 2014

TEMPO EXTREMO

Hoxe quedei impresionado por estas fotos feitas por Mike Hollingshead sobre tormentas e publicadas no portal de yahoo. Teñen algo magnético, algo atractivo, algo perigoso...algo hipnótico.
O que teño claro é que non me gustaría verme en persoa tomando a foto.