martes, 13 de novembro de 2018

UN CURSO DE FESTAS POPULARES: O MAGOSTO

A festa do magosto era festa de rapaces e de mozas e mozos, festa de canto e baile. 
Antonio Fraguas, A festa tradicional en Galicia
Adriaen Coorte
Continuamos coa nosa particular homenaxe a Antonio Fraguas lembrando unha das festas tradicionais desta época: o magosto. Esta festa é, coma nos lembra o escritor pontevedrés "unha festa das colleitas" que tradicionalmente adoitaba se celebrar arredor do 1 de novembro, se ben en Ourense se conmemoraba o Día de San Martiño (11 de novembro). Hoxe en día as datas adoitan situarse entre finais de outubro e principios de novembro.


Fraguas recolle un poema de Eladio Rodríguez González no seu libro A festa tradicional en Galicia no que se reflicte esta festa:

Algunhas tardiñas, entre lusco e fusco,
séntese nos soutos
o estoupar das castañas asadas
i-o barrumbiar dos alegres magostos.
E o chega-las noites
e saír a sombra fóra dos seus tobos,
fórmanse as fiadas
onde se contan os tráxicos contos
e se fala de trasnos e de meigas
e se lembran pantasmas e agorios.

Eladio Rodríguez González