luns, 30 de outubro de 2017

BALTASAR MERINO E A METEOROLOXÍA


A Real Academia Galega de Ciencias homenaxeou este ano a Baltasar Merino no Día da Ciencia en Galicia. Aínda que o Padre Merino é moi coñecido polos seus traballos botánicos, quizais o sexa menos coma meteorólogo. Porén, Merino foi un meteorólogo innovador tal e coma podemos ler na web da RACG:

O seu interese pola meteoroloxía non só o levou a relacionala de xeito pioneiro coa botánica, senón que achegou visións innovadoras para a época merecedoras do recoñecemento dos expertos. A el débenselle os primeiros traballos de climatoloxía aplicada que se realizaron en Galicia, tomando como referencia datos obtidos na Guarda entre 1881 e 1890, con avanzadas gráficas de evolución de temperatura, humidade e precipitación.
Ademais de ser un dos promotores da creación da rede de estacións pluviométricas de España, a súa recomendación de usar o barómetro para predicir as borrascas atlánticas valeulle as loubanzas do director do Observatorio Meterolóxico de Lisboa. Esta recomendación foi publicada pola prensa española e portuguesa a raíz da traxedia que provocou un temporal costeiro en Póvoa de Varzim en 1892, co falecemento de máis de cen persoas, e que Merino propoñía evitar de cara ao futuro xeralizando o uso do barómetro, principalmente entre os pescadores. “En vista, pois, das indiscutibles vantaxes que pode proporcionar e do seu insignificante coste, de agardar é que os que se confían casi diariamente á mercede das ondas e dos ventos se fagan con tan precioso aparato", escribiu.

 "O maior coñecedor da flora galega e innovador meteorólogo Baltasar Merino, protagonista do Día da Ciencia en Galicia"


Ningún comentario:

Publicar un comentario