Escollemos para novembro un soneto de Manuel María pertencente ao libro Poemas ao Outono (1977). O outono nesta ocasión simboliza a idade madura, unha etapa amosada chea de plenitude pola comuñón coa natureza e a confianza no amor coma rexuvenecedor da vida.
Agora que entrei no propio Outono
e camiñando xa para o solpor,
acendo, cada día, o meu amor
na luz centilante dun ensono.
Non teño tesouros e son dono
da estrela, do orballo, do albor,
do incansábel regueiro cantador,
dos furacáns, dos mares e do trono.
Pois que gasto barba ben nevada
e teño a cabeza encanecida
vou andando asombrado pola vida.
Aínda agardo, con teima perfiada,
a xeira de amor alporecida
que faga do solpor unha alborada.
Manuel María): Poemas ao Outono
Ningún comentario:
Publicar un comentario