venres, 28 de abril de 2017

CHOIVA DE ABRIL

Chuvia sobre a ponte de Hiroshige
O refraneiro popular adoita vincular abril coa chuvia coma podemos comprobar nos seguintes refráns:
  • Abril, augas mil, escoadas por un mandil..
  • Abril, augas mil, peneiradas nun candil.
  • Abril, augas mil, se non ó comenzo, ó medio ou ó fin
  • Abril chove prás xentes, e maio prás bestas.
  • Abril chovedoiro enche o cabaceiro.
  • Abril chuvioso, maio pardo e san Xoán ventoso traen o ano compogoso.
 Tamén houbo poetas que se fixeron eco das chuvias deste mes, coma Xosé Otero Espasandín:


Choiva de abril

CHOIVA DE ABRIL,
maina, quente:
as túas bágoas tremen
na folla da silva,
na fror da xesta,
na herba; e can
brandidas de polen
e craridades, na terra
quediña, morna,
na terra sedenta.
Choiva de abril,
móllame a cara,
móllame as mans,
móllame a ialma
mentres corro polo monte,
polos soutos,
polos cómaros,
polas praias,
case en coiros...

Choiva de abril,
dormes na folla da parra,
choras no vagar do río,
rezas no canto do merlo;
subes outra vez aos ceos
no peneirar das labercas.

Choiva de abril,
nas outas terras do Tambre,
nas hortas do Ulla,
nas leiras de Codesada;
choiva miuda,
xoia do líquen, do cróquel,
do botón da merendeira:
bailas na tona do río
perguiceiro, faste 
cristal no arco da vella.
¿Cantas veces me mollache
corpo e ialma?...
¡Tantas foron que,
aínda lonxe de ti,
síntote caír en soños
mansa, leda,
na terra quente dos agros,
no musgo xordo,
na folla das carballeiras!...

Sinto as mans molladas,
choiva de abril,
soñando en ti, a mil leguas
do Lérez,
das pedras de Compostela.
Xosé Otero Espasandín


Ningún comentario:

Publicar un comentario