Amosando publicacións coa etiqueta literatura galega. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta literatura galega. Amosar todas as publicacións

xoves, 20 de decembro de 2018

Contos de Santos e Nadal

Atopamos no Portal das Palabras unha entrada titulada "Entre Santos e Nadal" que non só nos lembra o libro de relatos de Otero Pedrayo, senón que tamén nos ofrece información de interese sobre o mes de novembro e decembro:

O outono despídese no mes de Santos e o inverno empeza o 21 de decembro, o día máis curto do ano, mes que na tradición popular denominamos Nadal. Novembro recibe tamén o nome de Santos pola tradición da cultura cristiá. “Ditoso mes que comeza cos santos todos”, di o refrán, “media con Euxenio (día 15) e remata con Santo André (día 30)”. Etimoloxicamente a denominación novembro vén do latín (mensis) november mais a través *novembrius, vocábulo que remite a nove, porque no calendario romano era o noveno mes, igual que decembro como era mes dez procede de (mensis) december. Naquel calendario anterior á reforma do 153 a.C., o ano empezaba en marzo, coa primavera (tempo axeitado para comezar as campañas militares), por iso o mes de decembro era o décimo.
O Portal das Palabras

martes, 13 de novembro de 2018

UN CURSO DE FESTAS POPULARES: O MAGOSTO

A festa do magosto era festa de rapaces e de mozas e mozos, festa de canto e baile. 
Antonio Fraguas, A festa tradicional en Galicia
Adriaen Coorte
Continuamos coa nosa particular homenaxe a Antonio Fraguas lembrando unha das festas tradicionais desta época: o magosto. Esta festa é, coma nos lembra o escritor pontevedrés "unha festa das colleitas" que tradicionalmente adoitaba se celebrar arredor do 1 de novembro, se ben en Ourense se conmemoraba o Día de San Martiño (11 de novembro). Hoxe en día as datas adoitan situarse entre finais de outubro e principios de novembro.


Fraguas recolle un poema de Eladio Rodríguez González no seu libro A festa tradicional en Galicia no que se reflicte esta festa:

Algunhas tardiñas, entre lusco e fusco,
séntese nos soutos
o estoupar das castañas asadas
i-o barrumbiar dos alegres magostos.
E o chega-las noites
e saír a sombra fóra dos seus tobos,
fórmanse as fiadas
onde se contan os tráxicos contos
e se fala de trasnos e de meigas
e se lembran pantasmas e agorios.

Eladio Rodríguez González

luns, 22 de outubro de 2018

UN CURSO DE FESTAS POPULARES

A vendima ou O outono de Goya

Iniciamos un novo curso e unha nova sección neste blogue que titulamos "Un curso de festas populares". Queremos lembrar nesta sección as festas populares a través da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas: Antonio Fraguas. Entre a súa abundante obra figura un libro titulado A festa popular en Galicia e pareceunos que sería unha boa idea ir lembrando algunhas destas festas a través dos seus textos ou os doutros autores, xa que coma sabedes estas están moi vinculadas cos ciclos agrícolas e coas estacións.
Ramón Cabanillas

Empezamos coa vendima que se realiza habitualmente a finais de setembro e comezos deste mes de outubro. Escollemos unhas estrofas do seu poema "Vendima en Salnés" que, por certo, tamén recolle Fraguas no amentado libro.

No carro ven a tinalla, cheíña a non poder máis;
detrás, as vendimadoras, a rir , collidas das mans.

O carro vén derradeiro, chirra que te chirrarás
e por riba do rinchido rompe unha moza a cantar.

Lévame no carro, leva,
carreteiriño das uvas;
lévame no carro, leva
comerei das máis maduras.
Ramón Cabanillas, Poemas soltos

E por se queredes saber coma foi a vendima este ano en Galicia deixámosvos un enlace coas novas relacionadas con esta na TVG.

martes, 15 de maio de 2018

Mª VICTORIA MORENO

Créditos da ilustración

Este ano homenaxearemos no Día das Letras Galegas a María Victoria Moreno e non queremos deixar que a súa presenza sexa allea a este blogue, polo que escollemos un soneto de Elexías de luz para lembrala.


Namorada de outonos e solpores,
peregrina nas gándaras da vida,
buscaches no tremor da atardecida
fragancias vellas de ilusións e amores.

Sorriron para ti tódalas flores,
fixose a luz roibén na túa ferida
e, por nidios ronseis, a alma durmida
foi desde o abismo ós altos miradores.

Inefables paisaxes de harmonía
abríronse ante ti coma agasallo
en volutas de lúa opalescente.

Desposaron en lene melodía
os pétalos da luz, a paz do orballo
e o teu corpo, xa lirio evanescente.
Mª Victoria Moreno, Elexías de luz

venres, 28 de abril de 2017

CHOIVA DE ABRIL

Chuvia sobre a ponte de Hiroshige
O refraneiro popular adoita vincular abril coa chuvia coma podemos comprobar nos seguintes refráns:
  • Abril, augas mil, escoadas por un mandil..
  • Abril, augas mil, peneiradas nun candil.
  • Abril, augas mil, se non ó comenzo, ó medio ou ó fin
  • Abril chove prás xentes, e maio prás bestas.
  • Abril chovedoiro enche o cabaceiro.
  • Abril chuvioso, maio pardo e san Xoán ventoso traen o ano compogoso.
 Tamén houbo poetas que se fixeron eco das chuvias deste mes, coma Xosé Otero Espasandín:


Choiva de abril

CHOIVA DE ABRIL,
maina, quente:
as túas bágoas tremen
na folla da silva,
na fror da xesta,
na herba; e can
brandidas de polen
e craridades, na terra
quediña, morna,
na terra sedenta.
Choiva de abril,
móllame a cara,
móllame as mans,
móllame a ialma
mentres corro polo monte,
polos soutos,
polos cómaros,
polas praias,
case en coiros...

luns, 14 de novembro de 2016

MANUEL MARÍA E O OUTONO



Escollemos para novembro un soneto de Manuel María pertencente ao libro Poemas ao Outono (1977). O outono nesta ocasión simboliza a idade madura, unha etapa amosada chea de plenitude pola comuñón coa natureza e a confianza no amor coma rexuvenecedor da vida.

Agora que entrei no propio Outono
e camiñando xa para o solpor,
acendo, cada día, o meu amor
na luz centilante dun ensono.

Non teño tesouros e son dono
da estrela, do orballo, do albor,
do incansábel regueiro cantador,
dos furacáns, dos mares e do trono.

Pois que gasto barba ben nevada
e teño a cabeza encanecida
vou andando asombrado pola vida.

Aínda agardo, con teima perfiada,
a xeira de amor alporecida
que faga do solpor unha alborada.

Manuel María): Poemas ao Outono

luns, 10 de outubro de 2016

CANCIÓN DO OUTONO


Saudamos a nova estación cun soneto de Otero Pedrayo do ano 1930 titulado "Canción de outono".


Canción d'outono

Roseira mainamente desfollada
por calada pasión. Ceibe fontela
que ó espallar da alborada,
inda garda a lembranza dunha estrela.

vaga nos ermos unha sombra amada,
ten a serra saudades de doncela
i esperta o pensamento ante a chamada
da longa noite e da mañán sinxela.

Pasa o setembre; no espido outeiral
demórase o solpor en longo ensono;
os coros da vendima enchen o val.

Namentras un nortiño en baixo tono
vai pousando no morno piñeiral
a sonata patéteca do outono.

Ramón Otero Pedrayo, Poesía

luns, 9 de maio de 2016

O MAR DE MANUEL MARÍA

Vaise achegando o Día das Letras Galegas e nós queremos homenaxear a Manuel María cun dos seus poemas ilustrado con fotografías de alumnas e alumnos de 4º de ESO. Grazas a Bruno, Nerea, Sergio, María, Santi, Diana e Ana.



luns, 2 de maio de 2016

O VENTO

Empezamos este mes de maio cun poema de Manuel María titulado "O vento".

O vento
O vento e o seu alento
é cousa que non se ve.
¡O vento ten un misterio!
¡O vento un misterio é!

Ás veces é un murmurio,
un sopro maino de brisa,
solermiño, arrolador,
semellante a unha sorrisa.

Ás veces o vento zoa,
poderoso, ameazante:
¡leva lousados e arbres
coa súa forza de xigante!

O vento tolo, na noite
corre, brúa, berra, brama:
¡eu a escoitalo, medroso,
acochadiño na cama!

O vento pasa bruante
con forza de xigantón.
¡Eu sinto por el respecto
e sempre lle chamo DON!

Manuel María, Os soños na gaiola

martes, 12 de abril de 2016

O POEMA DO CUCO

E seguindo a voltas co cuco... Sabedes que Manuel María tamén lle dedicou un poema no libro Os soños na gaiola?

O cuco

Canta, cuco, ou cala, cuco:
eu en ti xa non che creo
desde que sei que vas poñer
o teu ovo en niño alleo.

Desdeixado e preguiceiro,
tan só pensas en folgar.
¡Soamente dis dúas notas
e xa tes que descansar!

¡Canta, cuco, ou cala, cuco,
preguiceiro, nugallón:
a min pouco che me importa
que esteas cantando ou non!

Manuel María: Os soños na gaiola

Por certo, Canta o cuco é o título elixido para un libro-CD de Uxía e Magín Blanco no que se musican poemas de Manuel María e no que tamén podemos contemplar as fermosas ilustracións de Leandro Lamas. 


mércores, 30 de marzo de 2016

RECIBINDO A PRIMAVERA CON MANUEL MARÍA


Os soños na gaiola de Manuel María, o poeta homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, ofrécennos un poema para recibir a primavera da man das anduriñas:

Anduriñas 
Guiada da man dun soño
a Primavera chegou.
¡E todas as anduriñas
no ceo azul convocou!

Todo é voar e voar
e andar daquí pra alá.
¡Todo nun ir e nun vir
dende aquí deica acolá!

¡Voan pra riba, pra baixo!
¡Van ao alto, van ao fondo!
¡Voan en liña seguida,
en picado e en redondo!

Anduriñas en concello,
sobre dun poste pousadas.
¡Que de palabras secretas
e razós apaixoadas!

Manuel María: Os soños na gaiola


luns, 22 de febreiro de 2016

A CHUVIA GALEGA EN LORCA

"A mi llegada a Galicia, ellas [las «fuerzas formidables» de Compostela y el paisaje] se apoderaron de mí en forma tal que también me sentí poeta de la alta hierba, de la lluvia alta y pausada."
 Federico García Lorca

O 27 de decembro do pasado ano cumpríronse 80 anos da publicación dos Seis poemas galegos de Federico García Lorca. Coma homenaxe ao escritor andaluz deixámosvos un deles, no que o autor evoca a chuvia en Santiago de Compostela.

Madrigal á cibdá de Santiago

Chove en Santiago
meu doce amor.
Camelia branca do ar
brila entebrecida ô sol.


Chove en Santiago
na noite escura.
Herbas de prata e de sono
cobren a valeira lúa.


Olla a choiva pola rúa,
laio de pedra e cristal.
Olla o vento esvaído
soma e cinza do teu mar.


Soma e cinza do teu mar
Santiago, lonxe do sol.
Ágoa da mañán anterga
trema no meu corazón. 

Federico García Lorca

En Son de poetas atoparás as versións musicais do poema de Carlos Díaz e Luar na Lubre. Tamén se inclúe unha moi fermosa versión no libro-disco de Amancio Prada Poeta en Galicia.

                                              
Vídeo atopado aquí.

venres, 19 de xuño de 2015

Poesía e... meteoroloxía

O alumnado de 4º de ESO elaborou poemas "meteorolóxicos" ao estilo hilozoísta ou imaxinista. Cos seus poemas e as fotografías dos alumnos e alumnas de 3º de ESO elaboramos este caderniño poético que agardamos que vos guste.

xoves, 18 de xuño de 2015

CHEGOU XUÑO


O mes de xuño xá está aquí, despois do maio longo. O nome deste mes provén do latín  Iunius, mes da deusa Xuño. O tamén chamado "mes de San Xoán" é un dos meses preferidos do refraneiro. Vexamos algúns exemplos:
  • A auga de San Xoán leva o viño e tolle o pan.
  • A sardiña en San Xoán xa molla o pan.
  • A sardiña por abril cóllea polo rabo e déixaa ir, por maio ásaa no rescaldo e por san Xoán xa molla o pan.
  • Abril chuvioso, maio pardo e san Xoán ventoso traen o ano compogoso.
  • As tormentas por san Xoán tollen o viño e levan o pan.
  • As trampas de san Xoán, por onde veñen van.
  • As trampas de san Xoán saen pola man.
  • Ata o san Pedro, o viño ten medo.
  • Ata san Xoán non te quíte-lo gabán.
  • Auga entre maio e xuño, vale máis cós bois e o xugo
  • En san Xoán, as nove co día dan.
  • En san Xoán, bótalle a fouciña ó pan; en Santa Mariña, da meda fai fariña.
  • En san Xoán, encéndese a fogueira e canta o can.En san Xoán, o raposiño come pola súa man.
  • En san Xoán, o tempo aínda pon cara de can.Xaneiro, xeadeiro; febreiro, verceiro; marzo, airoso; abril, chuvioso; maio, pardo; san Xoán, claro, valen máis estos meses cas súas mulas co seu carro.

martes, 19 de maio de 2015

MARZO MARCEADOR

En marzo o noso alumnado de 3º de ESO enviounos fotografías acompañadas de refráns, poemas ou algún texto que espertase o seu interese. Ao resultado final chamámoslle "Marzo marceador".

luns, 18 de maio de 2015

AÍ VÉN O MAIO

Así é, aí vén o maio. Se ben, os populares versos de Curros Enríquez facían referencia á popular festa que, sempre viva en Ourense, agora comeza de novo a se celebrar noutros lugares, nós queremos titular así esta entrada sobre este mes.
Maio é un mes sobre o que abundan os refráns:
  • A landra que non se ve en maio, non se ve en todo o ano.
  • A ovella do pobre no maio morre.
  • Abril e maio son as chaves do ano.
  • Abril esfola, pero maio amola.
  •  ¡Ai, maio, maiolo! Peor aínda é o mes que vén logo.
E ese que tantas veces teremos escoitado: " Ata o corenta de maio non quites o saio; e se volve a chover, vólveo a poñer."
Tamén é un mes propicio para as frases feitas: "Ser longo coma o mes de maio", "Vir coma auga de maio" ou "Andar co maio ao lombo". Esta última frase significa andar "moi canso", así que nós recomendámosvos que non vos amaiedes en maio! 

Créditos da foto: 
Lameiro. Maios Allariz. Recuperado de http://gl.wikipedia.org/wiki/Ficheiro:Maios_Allariz_01.JPG
E por certo, lembrámosvos que na nosa aula virtual tedes máis información sobre maio e os Maios.

mércores, 22 de abril de 2015

DÍA DA TERRA

Hoxe conmemoramos o Día da Terra e nós queremos sumarnos a esa data enlazando cunha fermosa paisaxe dunha aurora en Suecia, que atopamos o 19 de marzo na "Astronomical Picture of the Day", e cuns versos de Follas Novas de Rosalía.

I hai nas montañas nosas e nestes nosos ceos,
en canto aquí ten vida, en canto aquí ten ser,
cores de brilo soave, de trasparencia húmida,
de vaguedade incerta, que a nós só dá pracer.
 Rosalía de Castro

martes, 24 de marzo de 2015

Lembranza sobre os materiais e recursos de Lingua galega e literatura

Lembrámosvos que os materiais e recursos para os traballos propostos na materia de Lingua galega e literatura están a vosa disposición na nosa aula virtual. Só tedes que premer aquí.