Amosando publicacións coa etiqueta nubes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta nubes. Amosar todas as publicacións

luns, 10 de outubro de 2016

AS CORES DO AMENCER

Estes días nos que seguimos a gozar dun tempo despexado e con temperaturas moi agradables na parte central do día, tamén podemos contemplar preciosos amenceres como o que vos amosamos na fotografía.
O que máis caracteriza estes momentos do día, así como tamén o solpor, son os tonos vermellos que lle dan esa calidez tan especial. 
A explicación é sinxela. Nesas horas, os raios do sol entran case paralelos á superficie terrestre, co cal teñen que percorrer moita máis distancia (ata 10 veces máis) ata chegar ata nós. 
A atmosfera está chea de partículas, gotas de auga, cristais, po...e este tipo de materia ten a propiedade de que cando choca a luz con eles, rebota e sae despedida en todas direccións. 
Este fenómeno chámase dispersión e resulta máis acusado na luz con menor lonxitude de onda, que é a azul. Pero a de maior lonxitude de onda, que é a vermella, non experimenta de modo tan acusado este fenómeno e é quen de atravesar a atmosfera sen sufrir apenas transformación.
Por iso, no amencer e no solpor, como a luz percorre moitos quilómetros pola atmosfera, existen máis posibilidades de interacción con partículas, e so a luz vermella e alaranzada chega sen distorsionarse ata nos.
O que xa non podemos explicar moi ben é por qué esa sensación de paz e tranquilidade que nos transmite un amencer ou un solpor....e mira que vemos miles ao longo da nosa vida eh¡¡¡



xoves, 6 de outubro de 2016

EMPEZAMOS O CURSO METEREOLÓXICO

Empezamos un novo curso no que imos deixar que sexan as nubes as mensaxeiras. Xogaremos un pouco a interpretalas, porque detras das nubes sempre se agochan unha morea de historias, de frío, de calor, de tormentas, de secas...
As que hoxe nos saudaban pola mañá de cedo auguraban un día seco e fresquiño. Ceos azuis emborronados con nubes altas, restos de cirros e cúmulos, que se reflectía nunha bonita estampa para esta entrada do outono. Despois dun verán anormalmente seco e caluroso, damos paso a un outono que aínda garda reminiscencias dese tempo seco e soleado. A ver canto dura ;-)


xoves, 7 de maio de 2015

A VISITA DE GERMÁN DÍAZ

Aínda seguimos fascinados coa visita de Germán Díaz quen nos falou sobre a música e as matemáticas e tamén sobre a música mecánica amosándonos fascinantes instrumentos. Ensinounos a perforar cartóns para facer soar con estes instrumentos, marabillounos coa súa música e contestou as nosas dúbidas sobre as nubes. Foi unha mañá espléndida que oxalá poidamos repetir. Grazas mil Germán.



martes, 5 de maio de 2015

GERMÁN DÍAZ VISITA O NOSO CENTRO O XOVES 7 DE MAIO

O músico Germán Díaz acude ao centro a impartir unha charla-taller sobre música mecánica e fonografía, no que falará de de instrumentos accionados por manivela como a zanfoña, instrumento medieval no que é un experto, fonógrafos e gramófonos.

Un dos temas a tratar é a relación entre música e matemáticas.

O motivo de que mencionemos a súa visita no noso blog é a súa afición á observación de nubes:

http://www.germandiaz.net/nubes/

Esperamos que nos aporte algún consello sobre o tema: fotografía, observación, predición,...



venres, 2 de xaneiro de 2015

DIARIO METEOROLOXICO EN FOTOS DE XANEIRO DO 2015

FELIZ 2015!!

Despois de varios dias de situación anticiclónica finalmente dimos a benvida ao novo ano con ceos despexados e temperaturas mínimas moi baixas. O dia de Ano Novo rexistrou a nosa estación unha mínima de -1,2 ºC.




A información sobre o tipo de nubes podedes completala na páxina de Meteogalicia: http://www.meteogalicia.es/web/informacion/glosario/aire3.action?request_locale=es

luns, 1 de decembro de 2014

A música e as nubes

Germán Díaz, sobriño do músico e folclorista Joaquín Díaz e un dos mellores zanfonistas de Europa, é un apaixonado das nubes que este ano organizou o II Congreso Internacional de Observadores de Nubes no mes de setembro.



Por outra banda, Germán inclúe no seu último disco, Método cardiofónico, tres composicións dedicadas ás nubes. Deixámosvos o vídeo de "Nimboestrato".


mércores, 28 de maio de 2014

TIPOS DE NUBES

Alumnos de 1ºESO elaboraron traballos sobre distintos tipos de nubes:

mércores, 19 de febreiro de 2014

RECUPERAMOS A NORMALIDADE

Despois da sucesións de fenómenos extremos nos últimos dous meses, parece que voltamos á normalidade. Na anterior entrada Julia xa vos deixaba un vídeo para explicar o sucedido. Pronto teredes o 3º capítulo do novo pequeno catálogo de tempos e acordes, dedicado ao vento.
Hoxe déixovos unha foto bonita á saída do sol, no que entre as nubes (estrato-cúmulos) se contemplaban unhas cores moi chulas. Un dos capítulos do catálogo ímosllo dedicar a explicar por qué estas cores e por qué en momentos tan concretos como son o mencer e o solpor.



martes, 11 de febreiro de 2014

AUTÉNTICOS CÚMULO-NIMBOS

Non é de estrañar que nesta incesante avalancha de temporais nos atopásemos con unhas nubes como estas.
Os cúmulo-nimbos son nubes de gran desenvolvemento vertical (poden ser de varios quilómetros de altura) e traen moita chuvia e incluso aparello eléctrico. Están provocadas por masa de aire quente que ascenden rápidamente xirando sobre si mesmas xerando esas formas tan curiosas e caprichosas como a que vemos na fotografía de hoxe.  Son sinónimo de gran inestabilidade atmosférica...¡e que o digas¡
Cúmulo-nimbos ao amencer

xoves, 6 de febreiro de 2014

HOXE TOCAN...CIRRO-CÚMULOS

Nesta lección acelerada de meteoroloxía que nos está a traer o 2014, hoxe tocan...OS CIRROCÚMULOS. É que é tal a variedade de nubes á que estamos asistindo os últimos días que xa nos parecía estraño que non apareceran estas.
Son un tipo de nubes simétricas, moi regulares, sinais de zonas de turbulencia a esa altura e que soen ser indicativo de que se aproximan tormentas ou polo menos de inestabilidade atmosférica...e vaia que se aproximan: ¡non saímos dela¡
A instantánea que tomamos hoxe amosa o sol loitando por facerse ver tras dese manto espeso de nubes brancas. Non obstante, son bonitas ¿non si?



luns, 3 de febreiro de 2014

SEGUIMOS CUN OLLO POSTO NO CEO...

Neste espectacular inicio de ano 2014 non nos cansamos de mirar cara arriba e ver ese ceo gris. A verdade é que cada día descubres algo novo; parecen as mesmas nubes de sempre pero non é así.
Hoxe por exemplo tivemos un claro exemplo do revolta que anda a atmosfera aló arriba.
Se mirabamos ao sur viamos isto
Unha curiosa mestura de cúmulos (nubes de chuvia) con cirros (nubes que non traen chuvia), estratos (nada de chuvia); incluso os cúmulos chegaban a parecer nimbos do compactos e escuros  que estaban. Ademáis unhas nubes estaban altas e outras moi baixas. En definitiva un pouco de todo, síntoma que as condicións de humidade, vento, temperatura... pola troposfera son do máis variado.
Polo menos podiamos ver o azul do ceo detrás, algo de luz, algo de "esperanza"...truncada definitivamente ao xirar a cabeza ao norte e ver que as profundas borrascas situadas no Atlántico Norte nos traen unha boa remesa de nubes a unha velocidade espectacular, o que se traduce en fortes ventos que nos sitúan preto dunha nova cicloxenese explosiva para mañá...agarrádevos¡¡¡

xoves, 30 de xaneiro de 2014

NUBES DE CHOIVA

Levamos máis dun mes con precipitacións constantes. Hoxe amosámosvos o tipo de nube que soe estar asociada a este fenómeno meteorolóxico: o cúmulo e o cúmulo nimbo. 
O cúmulo é unha nube de gran desenvolvemento vertical (pode chegar a varios quilómetros de altura) e ten ese aspecto de "algodón" que todos imaxinamos. Trae a chuvia e pode acabar derivando en cúmulo-nimbo, como o da 2ª fotografía, de efectos más severos: moita chuvia, saraiba, aparello eléctrico, etc.

cúmulos sobre o colexio...chove
cúmulo-nimbo en forma de fungo

domingo, 26 de xaneiro de 2014

SANSA NA NUBE - DECEMBRO 2013

Durante o mes de decembro de 2013 varios profesores e alumnos estivemos facendo fotos das nubes máis características. O resultado é un resumo meteorolóxico do mes nalgún dos casos moi fermoso.



Nota: Se formas parte da comunidade educativa do CPI San Sadurniño e queres participar enviando as túas fotos, manda un correo a mjrios@cpisansadurnino.org incluíndo o teu nome e apelidos, data e lugar da foto.