Amosando publicacións coa etiqueta festas populares. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta festas populares. Amosar todas as publicacións

martes, 13 de novembro de 2018

UN CURSO DE FESTAS POPULARES: O MAGOSTO

A festa do magosto era festa de rapaces e de mozas e mozos, festa de canto e baile. 
Antonio Fraguas, A festa tradicional en Galicia
Adriaen Coorte
Continuamos coa nosa particular homenaxe a Antonio Fraguas lembrando unha das festas tradicionais desta época: o magosto. Esta festa é, coma nos lembra o escritor pontevedrés "unha festa das colleitas" que tradicionalmente adoitaba se celebrar arredor do 1 de novembro, se ben en Ourense se conmemoraba o Día de San Martiño (11 de novembro). Hoxe en día as datas adoitan situarse entre finais de outubro e principios de novembro.


Fraguas recolle un poema de Eladio Rodríguez González no seu libro A festa tradicional en Galicia no que se reflicte esta festa:

Algunhas tardiñas, entre lusco e fusco,
séntese nos soutos
o estoupar das castañas asadas
i-o barrumbiar dos alegres magostos.
E o chega-las noites
e saír a sombra fóra dos seus tobos,
fórmanse as fiadas
onde se contan os tráxicos contos
e se fala de trasnos e de meigas
e se lembran pantasmas e agorios.

Eladio Rodríguez González

luns, 22 de outubro de 2018

UN CURSO DE FESTAS POPULARES

A vendima ou O outono de Goya

Iniciamos un novo curso e unha nova sección neste blogue que titulamos "Un curso de festas populares". Queremos lembrar nesta sección as festas populares a través da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas: Antonio Fraguas. Entre a súa abundante obra figura un libro titulado A festa popular en Galicia e pareceunos que sería unha boa idea ir lembrando algunhas destas festas a través dos seus textos ou os doutros autores, xa que coma sabedes estas están moi vinculadas cos ciclos agrícolas e coas estacións.
Ramón Cabanillas

Empezamos coa vendima que se realiza habitualmente a finais de setembro e comezos deste mes de outubro. Escollemos unhas estrofas do seu poema "Vendima en Salnés" que, por certo, tamén recolle Fraguas no amentado libro.

No carro ven a tinalla, cheíña a non poder máis;
detrás, as vendimadoras, a rir , collidas das mans.

O carro vén derradeiro, chirra que te chirrarás
e por riba do rinchido rompe unha moza a cantar.

Lévame no carro, leva,
carreteiriño das uvas;
lévame no carro, leva
comerei das máis maduras.
Ramón Cabanillas, Poemas soltos

E por se queredes saber coma foi a vendima este ano en Galicia deixámosvos un enlace coas novas relacionadas con esta na TVG.