Amosando publicacións coa etiqueta Poesía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Poesía. Amosar todas as publicacións

martes, 12 de xuño de 2018

NAS NUBES

Nas nubes é unha selección de poemas elaborados polo noso alumando de 3º de secundaria. Premede aquí se queredes coñecela.

martes, 15 de maio de 2018

Mª VICTORIA MORENO

Créditos da ilustración

Este ano homenaxearemos no Día das Letras Galegas a María Victoria Moreno e non queremos deixar que a súa presenza sexa allea a este blogue, polo que escollemos un soneto de Elexías de luz para lembrala.


Namorada de outonos e solpores,
peregrina nas gándaras da vida,
buscaches no tremor da atardecida
fragancias vellas de ilusións e amores.

Sorriron para ti tódalas flores,
fixose a luz roibén na túa ferida
e, por nidios ronseis, a alma durmida
foi desde o abismo ós altos miradores.

Inefables paisaxes de harmonía
abríronse ante ti coma agasallo
en volutas de lúa opalescente.

Desposaron en lene melodía
os pétalos da luz, a paz do orballo
e o teu corpo, xa lirio evanescente.
Mª Victoria Moreno, Elexías de luz

venres, 30 de xuño de 2017

METEOSANSACANCIONEIRO

O alumnado de 3º de ESO elaborou este curso cantigas de amigo sobre meteoroloxía. Premede aquí se queredes coñecer o noso Meteosansacancioneiro


venres, 28 de abril de 2017

CHOIVA DE ABRIL

Chuvia sobre a ponte de Hiroshige
O refraneiro popular adoita vincular abril coa chuvia coma podemos comprobar nos seguintes refráns:
  • Abril, augas mil, escoadas por un mandil..
  • Abril, augas mil, peneiradas nun candil.
  • Abril, augas mil, se non ó comenzo, ó medio ou ó fin
  • Abril chove prás xentes, e maio prás bestas.
  • Abril chovedoiro enche o cabaceiro.
  • Abril chuvioso, maio pardo e san Xoán ventoso traen o ano compogoso.
 Tamén houbo poetas que se fixeron eco das chuvias deste mes, coma Xosé Otero Espasandín:


Choiva de abril

CHOIVA DE ABRIL,
maina, quente:
as túas bágoas tremen
na folla da silva,
na fror da xesta,
na herba; e can
brandidas de polen
e craridades, na terra
quediña, morna,
na terra sedenta.
Choiva de abril,
móllame a cara,
móllame as mans,
móllame a ialma
mentres corro polo monte,
polos soutos,
polos cómaros,
polas praias,
case en coiros...

luns, 14 de novembro de 2016

MANUEL MARÍA E O OUTONO



Escollemos para novembro un soneto de Manuel María pertencente ao libro Poemas ao Outono (1977). O outono nesta ocasión simboliza a idade madura, unha etapa amosada chea de plenitude pola comuñón coa natureza e a confianza no amor coma rexuvenecedor da vida.

Agora que entrei no propio Outono
e camiñando xa para o solpor,
acendo, cada día, o meu amor
na luz centilante dun ensono.

Non teño tesouros e son dono
da estrela, do orballo, do albor,
do incansábel regueiro cantador,
dos furacáns, dos mares e do trono.

Pois que gasto barba ben nevada
e teño a cabeza encanecida
vou andando asombrado pola vida.

Aínda agardo, con teima perfiada,
a xeira de amor alporecida
que faga do solpor unha alborada.

Manuel María): Poemas ao Outono

luns, 10 de outubro de 2016

CANCIÓN DO OUTONO


Saudamos a nova estación cun soneto de Otero Pedrayo do ano 1930 titulado "Canción de outono".


Canción d'outono

Roseira mainamente desfollada
por calada pasión. Ceibe fontela
que ó espallar da alborada,
inda garda a lembranza dunha estrela.

vaga nos ermos unha sombra amada,
ten a serra saudades de doncela
i esperta o pensamento ante a chamada
da longa noite e da mañán sinxela.

Pasa o setembre; no espido outeiral
demórase o solpor en longo ensono;
os coros da vendima enchen o val.

Namentras un nortiño en baixo tono
vai pousando no morno piñeiral
a sonata patéteca do outono.

Ramón Otero Pedrayo, Poesía

venres, 19 de xuño de 2015

Poesía e... meteoroloxía

O alumnado de 4º de ESO elaborou poemas "meteorolóxicos" ao estilo hilozoísta ou imaxinista. Cos seus poemas e as fotografías dos alumnos e alumnas de 3º de ESO elaboramos este caderniño poético que agardamos que vos guste.

martes, 19 de maio de 2015

MARZO MARCEADOR

En marzo o noso alumnado de 3º de ESO enviounos fotografías acompañadas de refráns, poemas ou algún texto que espertase o seu interese. Ao resultado final chamámoslle "Marzo marceador".

mércores, 22 de abril de 2015

DÍA DA TERRA

Hoxe conmemoramos o Día da Terra e nós queremos sumarnos a esa data enlazando cunha fermosa paisaxe dunha aurora en Suecia, que atopamos o 19 de marzo na "Astronomical Picture of the Day", e cuns versos de Follas Novas de Rosalía.

I hai nas montañas nosas e nestes nosos ceos,
en canto aquí ten vida, en canto aquí ten ser,
cores de brilo soave, de trasparencia húmida,
de vaguedade incerta, que a nós só dá pracer.
 Rosalía de Castro

martes, 24 de febreiro de 2015

ROSALÍA E A METEOROLOXÍA

Deixámosvos unha selección de poemas de Rosalía (titulada "De ventos e alboradas") relacionados coa meteoroloxía que elaboramos o equipo da Biblioteca e o EDLG para conmemorar o Día de Rosalía. Só tedes que premer aquí.