O vento
O vento e o seu alento
é cousa que non se ve.
¡O vento ten un misterio!
¡O vento un misterio é!
Ás veces é un murmurio,
un sopro maino de brisa,
solermiño, arrolador,
semellante a unha sorrisa.
Ás veces o vento zoa,
poderoso, ameazante:
¡leva lousados e arbres
coa súa forza de xigante!
O vento tolo, na noite
corre, brúa, berra, brama:
¡eu a escoitalo, medroso,
acochadiño na cama!
O vento pasa bruante
con forza de xigantón.
¡Eu sinto por el respecto
e sempre lle chamo DON!
Manuel María, Os soños na gaiola
Ningún comentario:
Publicar un comentario