Amosando publicacións coa etiqueta medios de comunicación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta medios de comunicación. Amosar todas as publicacións

luns, 22 de outubro de 2018

UN CURSO DE FESTAS POPULARES

A vendima ou O outono de Goya

Iniciamos un novo curso e unha nova sección neste blogue que titulamos "Un curso de festas populares". Queremos lembrar nesta sección as festas populares a través da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas: Antonio Fraguas. Entre a súa abundante obra figura un libro titulado A festa popular en Galicia e pareceunos que sería unha boa idea ir lembrando algunhas destas festas a través dos seus textos ou os doutros autores, xa que coma sabedes estas están moi vinculadas cos ciclos agrícolas e coas estacións.
Ramón Cabanillas

Empezamos coa vendima que se realiza habitualmente a finais de setembro e comezos deste mes de outubro. Escollemos unhas estrofas do seu poema "Vendima en Salnés" que, por certo, tamén recolle Fraguas no amentado libro.

No carro ven a tinalla, cheíña a non poder máis;
detrás, as vendimadoras, a rir , collidas das mans.

O carro vén derradeiro, chirra que te chirrarás
e por riba do rinchido rompe unha moza a cantar.

Lévame no carro, leva,
carreteiriño das uvas;
lévame no carro, leva
comerei das máis maduras.
Ramón Cabanillas, Poemas soltos

E por se queredes saber coma foi a vendima este ano en Galicia deixámosvos un enlace coas novas relacionadas con esta na TVG.

xoves, 8 de febreiro de 2018

FESTAS E REFRÁNS DE FEBREIRO


 Por san Blas verás la cigüeña volar y, si no la vieres, año de nieves
Cegoñas de Józef Chelmónski

Os refráns sobre o mes de febreiro son moi abundantes. Algúns deles están relacionados coa festa da Candeloria, sobre a que xa temos escrito aquí:
  • Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra; que chore, que deixe de chorar, mitá do inverno está por pasar.
  • O día da Candelaria, se chora ou venta, inverno entra. E se non venta nin chora, inverno fóra.
  • Pola Candeloira casan os paxariños e maila galiñola.
Outros fan referencia ás tarefas agrícolas e a meteoroloxía:
  • A auga de febreiro derrama o viño
  • A suga de febreiro fai o lameiro.
  • A auga de febreiro ten pros campos tempero; e a de maio teno pra todo o ano.
Ou ao rigor do clima neste segundo mes do ano:
  • Febreiro, frebas de frío, e non de liño.
  • Febreiro, inda que corto, é o pior de todos.
  • Febreiro louco, sacou o seu irmán e apedreouno.
Por suposto, non podemos deixar de mencionar aqueles que tratan sobre o Entroido:
  • O entroido ao tizón, a pascua ao sol
  • O entroido, coas súas artes, botou a san Matías fóra do martes.
Despedímonos lembrando un dos nosos preferidos: " Xaneiro, xeadeiro; febreiro, verceiro; marzo, airoso; abril, chuvioso; maio, pardo; san Xoán, claro, valen máis estos meses cas súas mulas co seu carro".
Por certo, se queredes saber a orixe do refrán co que iniciamos esta entrada premede aquí.

luns, 30 de outubro de 2017

BALTASAR MERINO E A METEOROLOXÍA


A Real Academia Galega de Ciencias homenaxeou este ano a Baltasar Merino no Día da Ciencia en Galicia. Aínda que o Padre Merino é moi coñecido polos seus traballos botánicos, quizais o sexa menos coma meteorólogo. Porén, Merino foi un meteorólogo innovador tal e coma podemos ler na web da RACG:

O seu interese pola meteoroloxía non só o levou a relacionala de xeito pioneiro coa botánica, senón que achegou visións innovadoras para a época merecedoras do recoñecemento dos expertos. A el débenselle os primeiros traballos de climatoloxía aplicada que se realizaron en Galicia, tomando como referencia datos obtidos na Guarda entre 1881 e 1890, con avanzadas gráficas de evolución de temperatura, humidade e precipitación.
Ademais de ser un dos promotores da creación da rede de estacións pluviométricas de España, a súa recomendación de usar o barómetro para predicir as borrascas atlánticas valeulle as loubanzas do director do Observatorio Meterolóxico de Lisboa. Esta recomendación foi publicada pola prensa española e portuguesa a raíz da traxedia que provocou un temporal costeiro en Póvoa de Varzim en 1892, co falecemento de máis de cen persoas, e que Merino propoñía evitar de cara ao futuro xeralizando o uso do barómetro, principalmente entre os pescadores. “En vista, pois, das indiscutibles vantaxes que pode proporcionar e do seu insignificante coste, de agardar é que os que se confían casi diariamente á mercede das ondas e dos ventos se fagan con tan precioso aparato", escribiu.

 "O maior coñecedor da flora galega e innovador meteorólogo Baltasar Merino, protagonista do Día da Ciencia en Galicia"