Amosando publicacións coa etiqueta Día das Letras Galegas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Día das Letras Galegas. Amosar todas as publicacións

martes, 15 de maio de 2018

Mª VICTORIA MORENO

Créditos da ilustración

Este ano homenaxearemos no Día das Letras Galegas a María Victoria Moreno e non queremos deixar que a súa presenza sexa allea a este blogue, polo que escollemos un soneto de Elexías de luz para lembrala.


Namorada de outonos e solpores,
peregrina nas gándaras da vida,
buscaches no tremor da atardecida
fragancias vellas de ilusións e amores.

Sorriron para ti tódalas flores,
fixose a luz roibén na túa ferida
e, por nidios ronseis, a alma durmida
foi desde o abismo ós altos miradores.

Inefables paisaxes de harmonía
abríronse ante ti coma agasallo
en volutas de lúa opalescente.

Desposaron en lene melodía
os pétalos da luz, a paz do orballo
e o teu corpo, xa lirio evanescente.
Mª Victoria Moreno, Elexías de luz

luns, 9 de maio de 2016

O MAR DE MANUEL MARÍA

Vaise achegando o Día das Letras Galegas e nós queremos homenaxear a Manuel María cun dos seus poemas ilustrado con fotografías de alumnas e alumnos de 4º de ESO. Grazas a Bruno, Nerea, Sergio, María, Santi, Diana e Ana.



luns, 2 de maio de 2016

O VENTO

Empezamos este mes de maio cun poema de Manuel María titulado "O vento".

O vento
O vento e o seu alento
é cousa que non se ve.
¡O vento ten un misterio!
¡O vento un misterio é!

Ás veces é un murmurio,
un sopro maino de brisa,
solermiño, arrolador,
semellante a unha sorrisa.

Ás veces o vento zoa,
poderoso, ameazante:
¡leva lousados e arbres
coa súa forza de xigante!

O vento tolo, na noite
corre, brúa, berra, brama:
¡eu a escoitalo, medroso,
acochadiño na cama!

O vento pasa bruante
con forza de xigantón.
¡Eu sinto por el respecto
e sempre lle chamo DON!

Manuel María, Os soños na gaiola

martes, 12 de abril de 2016

O POEMA DO CUCO

E seguindo a voltas co cuco... Sabedes que Manuel María tamén lle dedicou un poema no libro Os soños na gaiola?

O cuco

Canta, cuco, ou cala, cuco:
eu en ti xa non che creo
desde que sei que vas poñer
o teu ovo en niño alleo.

Desdeixado e preguiceiro,
tan só pensas en folgar.
¡Soamente dis dúas notas
e xa tes que descansar!

¡Canta, cuco, ou cala, cuco,
preguiceiro, nugallón:
a min pouco che me importa
que esteas cantando ou non!

Manuel María: Os soños na gaiola

Por certo, Canta o cuco é o título elixido para un libro-CD de Uxía e Magín Blanco no que se musican poemas de Manuel María e no que tamén podemos contemplar as fermosas ilustracións de Leandro Lamas. 


mércores, 30 de marzo de 2016

RECIBINDO A PRIMAVERA CON MANUEL MARÍA


Os soños na gaiola de Manuel María, o poeta homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, ofrécennos un poema para recibir a primavera da man das anduriñas:

Anduriñas 
Guiada da man dun soño
a Primavera chegou.
¡E todas as anduriñas
no ceo azul convocou!

Todo é voar e voar
e andar daquí pra alá.
¡Todo nun ir e nun vir
dende aquí deica acolá!

¡Voan pra riba, pra baixo!
¡Van ao alto, van ao fondo!
¡Voan en liña seguida,
en picado e en redondo!

Anduriñas en concello,
sobre dun poste pousadas.
¡Que de palabras secretas
e razós apaixoadas!

Manuel María: Os soños na gaiola