Amosando publicacións coa etiqueta refráns. lingua galega. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta refráns. lingua galega. Amosar todas as publicacións

xoves, 20 de decembro de 2018

Contos de Santos e Nadal

Atopamos no Portal das Palabras unha entrada titulada "Entre Santos e Nadal" que non só nos lembra o libro de relatos de Otero Pedrayo, senón que tamén nos ofrece información de interese sobre o mes de novembro e decembro:

O outono despídese no mes de Santos e o inverno empeza o 21 de decembro, o día máis curto do ano, mes que na tradición popular denominamos Nadal. Novembro recibe tamén o nome de Santos pola tradición da cultura cristiá. “Ditoso mes que comeza cos santos todos”, di o refrán, “media con Euxenio (día 15) e remata con Santo André (día 30)”. Etimoloxicamente a denominación novembro vén do latín (mensis) november mais a través *novembrius, vocábulo que remite a nove, porque no calendario romano era o noveno mes, igual que decembro como era mes dez procede de (mensis) december. Naquel calendario anterior á reforma do 153 a.C., o ano empezaba en marzo, coa primavera (tempo axeitado para comezar as campañas militares), por iso o mes de decembro era o décimo.
O Portal das Palabras

xoves, 8 de febreiro de 2018

FESTAS E REFRÁNS DE FEBREIRO


 Por san Blas verás la cigüeña volar y, si no la vieres, año de nieves
Cegoñas de Józef Chelmónski

Os refráns sobre o mes de febreiro son moi abundantes. Algúns deles están relacionados coa festa da Candeloria, sobre a que xa temos escrito aquí:
  • Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra; que chore, que deixe de chorar, mitá do inverno está por pasar.
  • O día da Candelaria, se chora ou venta, inverno entra. E se non venta nin chora, inverno fóra.
  • Pola Candeloira casan os paxariños e maila galiñola.
Outros fan referencia ás tarefas agrícolas e a meteoroloxía:
  • A auga de febreiro derrama o viño
  • A suga de febreiro fai o lameiro.
  • A auga de febreiro ten pros campos tempero; e a de maio teno pra todo o ano.
Ou ao rigor do clima neste segundo mes do ano:
  • Febreiro, frebas de frío, e non de liño.
  • Febreiro, inda que corto, é o pior de todos.
  • Febreiro louco, sacou o seu irmán e apedreouno.
Por suposto, non podemos deixar de mencionar aqueles que tratan sobre o Entroido:
  • O entroido ao tizón, a pascua ao sol
  • O entroido, coas súas artes, botou a san Matías fóra do martes.
Despedímonos lembrando un dos nosos preferidos: " Xaneiro, xeadeiro; febreiro, verceiro; marzo, airoso; abril, chuvioso; maio, pardo; san Xoán, claro, valen máis estos meses cas súas mulas co seu carro".
Por certo, se queredes saber a orixe do refrán co que iniciamos esta entrada premede aquí.

mércores, 13 de decembro de 2017

venres, 28 de abril de 2017

CHOIVA DE ABRIL

Chuvia sobre a ponte de Hiroshige
O refraneiro popular adoita vincular abril coa chuvia coma podemos comprobar nos seguintes refráns:
  • Abril, augas mil, escoadas por un mandil..
  • Abril, augas mil, peneiradas nun candil.
  • Abril, augas mil, se non ó comenzo, ó medio ou ó fin
  • Abril chove prás xentes, e maio prás bestas.
  • Abril chovedoiro enche o cabaceiro.
  • Abril chuvioso, maio pardo e san Xoán ventoso traen o ano compogoso.
 Tamén houbo poetas que se fixeron eco das chuvias deste mes, coma Xosé Otero Espasandín:


Choiva de abril

CHOIVA DE ABRIL,
maina, quente:
as túas bágoas tremen
na folla da silva,
na fror da xesta,
na herba; e can
brandidas de polen
e craridades, na terra
quediña, morna,
na terra sedenta.
Choiva de abril,
móllame a cara,
móllame as mans,
móllame a ialma
mentres corro polo monte,
polos soutos,
polos cómaros,
polas praias,
case en coiros...

luns, 16 de xaneiro de 2017

martes, 13 de decembro de 2016

REFRANEIRO DE DECEMBRO: O DÍA DE SANTA LUCÍA

Santa Lucia, il giorno più corto che ci sia

O refraneiro galego é rico en refráns relativos ao día de Santa Lucía.  E... tamén o italiano, coma podemos comprobar no que escollemos para o inicio desta entrada que, por certo, alude á falsa crenza de que a noite do 13 de decembro, festividade de Santa Lucía, é a máis longa do ano.
Pero, por que existe esta crenza? Temos que remontarnos ao século XVI cando o Papa Gregorio XIII decide cambiar o calendario xuliano (chamado así por Xulio César) para facelo máis exacto corrixindo o desfase acumulado. Elimináronse 10 días do calendario e do xoves 4 de outubro de 1582 pasouse ao venres 15 de outubro. Así, o día de Santa Lucía, segundo o calendario xuliano, coincidía co solsticio de inverno e a memoria popular gardou ben a data a teor do refraneiro.

  • O día de santa Lucía mengua a noite e medra o día.
  • O que non é o día de Santa Lucía, é pro outro día.
  • Pola santa Lucía xa medra un palmo o día.
  • Pola santa Lucía xa o caldo alumía.
  • Por santa Lucía medra o día unha pisada dunha galiña.
  • Por santa Lucía non cae a noite como o día.
  • Por santa Lucía saca da noite e mete no día.
  • Por santa Lucía, o allo quer ve-lo día.
  • Por santa Lucía medra o día unha pisada dunha galiña.
No refraneiro castelán  tamén atopamos numerosos refráns para este día:
Por certo, tamén temos outro refrán en galego que di: " Se para Santa Lucía non hai neve na pía, haina para o outro día."

luns, 4 de abril de 2016

O CUCO E A PRIMAVERA

Un ano máis agardamos a chegada do cuco na primavera, porque coma todos sabedes o Cuculus canorus, que é o seu nome científico, é unha ave migratoria que volve todas as primaveras a Europa despois de pasar o inverno en África.
A peculiar ave está moi presente na cultura tradicional europea como heraldo desta estación que vén de entrar. De  feito, en Inglaterra The Times anuncia todos os anos o momento no que se escoita o cuco por primeira vez, costume que mesmo está chegando aquí.
No refraneiro galego a ave está presente:
  • Se entre marzo e abril o cuco non veu é sinal que morreu ou é sinal do fin.
  • Se marzo acabou e o cuco non chegou, algo ao cuco lle pasou.
  • Cando canta o cuco ven o pan ó suco
Por outra banda tamén é constatable a súa presenza en expresións coma "estar contento coma un cuco" ou "ser moi cuco".


Créditos da fotografía na seguinte ligazón.


martes, 2 de febreiro de 2016

A CANDELORIA

A partir da candeloria, ningunha ave voa soa

O 2 de febreiro coma moitos de vós sabedes celébrase en Estados Unidos o Groundhog Day, o Día da Marmota, que deu nome por certo a unha coñecida película aquí chamada Atrapado en el tiempo.
O que quizais moitos non sabedes é que en Galicia o 2  de febreiro se celebraba tradicionalmente a Candeloria, que na cultura popular galega era o día no que casaban os paxariños.
A escolla da data non é casual, posto que hoxe atopámonos na metade do inverno, coma indica o refraneiro popular: Pola candeloria, medio inverno vai fóra... E a primavera xa está ao chegar.
En fin, se queredes saber máis sobre esta data:
Eliximos unha pintura de Zhao Ji, emperador, calígrafo, pintor, músico, poeta e erudito chinés que viviu entre finais do século XI e principios do XII para ilustrar esta entrada. 
Imaxe atopada aquí.

luns, 25 de xaneiro de 2016

XANEIRO XEADEIRO, REFRANEIRO DE XANEIRO

O nome de xaneiro provén de Ianuarius, mes dedicado ao deus Xano, que era coma se denominaba en latín o undécimo mes do ano que pasou a primeiro despois da reforma de Xulio César. 
O refráns sobre este mes son abundantes. Vexamos algúns:
  • A galiña no xaneiro pon no colmeiro.
  • A madeira da túa casa, en xaneiro has de cortala.
  • En xaneiro, a faneca sabe a carneiro.
  • En xaneiro, a vella saca as madeixas ó turreiro.
  • En xaneiro, a verza é carneiro.
  • En xaneiro, abrígate con dúas capas e un sombreiro.
  • En xaneiro busca a lebre co cu no bulleiro.
  • En xaneiro, mellor carballo que castiñeiro.
  • En xaneiro, trompos ó fumeiro.
  • En xaneiro, vaite ó outeiro: se ves verdegar, ponte a chorar; se ves terrexar, ponte a cantar.
  • Por san Vicente da Roda medra o día unha hora.
  • Por san Vicente pon os nabos da semente.
  • Xaneiro frío ou templado, pásao arroupado.
  • Xaneiro quente trae o demo no ventre.
  • Xaneiro verceiro, nin boa meda nin bo palleiro.
Por certo, un dos refráns máis coñecidos sobre este mes é aquel que di  "entre xaneiro e febreiro, inverno verdadeiro"... Xa que este mes ten fama de moi frío: "Xaneiro, xeadeiro; febreiro, verceiro; marzo, airoso; abril, chuvioso; maio, pardo; san Xoán, claro, valen máis estes meses cas súas mulas co seu carro."

Imaxe atopada aquí.

venres, 13 de novembro de 2015

REFRÁNS DE NOVEMBRO


O undécimo mes do ano ten en galego diversos nomes á parte de novembro: Santos, Mes de Santos, San Martiño.... E coma veredes algúns destes aparecen no refraneiro.
Entre os refráns de novembro atopamos referencias á raíña das froitas do outono e protagonista principal dos magostos: a castaña.
  • Castañas, noces e viño fan a ledicia de san Martiño.
  • Polo San Martiño vai ver o teu soutiño. 
  •  Por san Martiño faise o magosto con castañas asadas e mosto.
 O refraneiro deste mes é pródigo en alusións á matanza do porco:
  • A todo porco lle chega o seu san Martiño.
  •  Non hai cocho bon nin ruín que non lle chegue o seu sanmartín.
E por suposto, en lembranzas das tarefas agrícolas que cómpre realizar:
  •  O que queira ter bo alliño, que o semente polo san Martiño.
  •  Por san Martiño e san Xudas, piñeiriña das túas uvas.
  •  Sembra trigo en San Martiño, cada día un pouquiniño.
  • Sementeira na semana de San Román nin palla nin gran; sementeira na de Santa Baia, gran e mais palla.

luns, 19 de outubro de 2015

REFRÁNS DE OUTUBRO


Outubro é coma todos sabedes o décimo mes do ano... Pero, o seu nome deriva do latín octo, ou sexa oito... coma pode ser isto? Pois éche unha historia que seguramente xa saberás pero que imos lembrar. 
Outubro era realmente o oitavo mes do calendario romano ata o ano 153 a.C cando o inicio do ano se trasladou de marzo a xaneiro.
Este mes outonal está moi presente no refraneiro galego, coma non podía ser doutra forma. Moitos dos refráns aluden ás festividades do mes e ás tarefas agrícolas:
  • Na semana de san Lucas, suca, boi, suca.
  • O día de San Lucas mata o teu porco e barra as túas cubas.
  • Por san Simón e san Xudas, collidas as uvas.
  • Por san Simón e san Xudas, mata o teu porco e atesta as túas cubas.
Outros indícannos sen máis referencias as tarefas agrícolas a realizar:
  • En outubro, a terra esterca e cobre.
Tamén hai referencias meteorolóxicas:
  • As avenidas de San Simón, sonadas son.
  • As enchentes de San Simon sonadas son, ou antes ou despois enchen o carro e mais os bois.
  • A lúa de octubre a sete cubre, e se chove, nove.  

xoves, 18 de xuño de 2015

CHEGOU XUÑO


O mes de xuño xá está aquí, despois do maio longo. O nome deste mes provén do latín  Iunius, mes da deusa Xuño. O tamén chamado "mes de San Xoán" é un dos meses preferidos do refraneiro. Vexamos algúns exemplos:
  • A auga de San Xoán leva o viño e tolle o pan.
  • A sardiña en San Xoán xa molla o pan.
  • A sardiña por abril cóllea polo rabo e déixaa ir, por maio ásaa no rescaldo e por san Xoán xa molla o pan.
  • Abril chuvioso, maio pardo e san Xoán ventoso traen o ano compogoso.
  • As tormentas por san Xoán tollen o viño e levan o pan.
  • As trampas de san Xoán, por onde veñen van.
  • As trampas de san Xoán saen pola man.
  • Ata o san Pedro, o viño ten medo.
  • Ata san Xoán non te quíte-lo gabán.
  • Auga entre maio e xuño, vale máis cós bois e o xugo
  • En san Xoán, as nove co día dan.
  • En san Xoán, bótalle a fouciña ó pan; en Santa Mariña, da meda fai fariña.
  • En san Xoán, encéndese a fogueira e canta o can.En san Xoán, o raposiño come pola súa man.
  • En san Xoán, o tempo aínda pon cara de can.Xaneiro, xeadeiro; febreiro, verceiro; marzo, airoso; abril, chuvioso; maio, pardo; san Xoán, claro, valen máis estos meses cas súas mulas co seu carro.

martes, 19 de maio de 2015

ALUMNAS DE 4ºESO CELEBRAN O DIA DAS LETRAS GALEGAS

Alumnas de 4ºESO toman a iniciativa de celebrar o dia das Letras Galegas facendo unha pegada de cartéis polo centro.

En moitos dos carteles podemos ler nomes galegos para as precipitacións ou as treboadas.

luns, 18 de maio de 2015

AÍ VÉN O MAIO

Así é, aí vén o maio. Se ben, os populares versos de Curros Enríquez facían referencia á popular festa que, sempre viva en Ourense, agora comeza de novo a se celebrar noutros lugares, nós queremos titular así esta entrada sobre este mes.
Maio é un mes sobre o que abundan os refráns:
  • A landra que non se ve en maio, non se ve en todo o ano.
  • A ovella do pobre no maio morre.
  • Abril e maio son as chaves do ano.
  • Abril esfola, pero maio amola.
  •  ¡Ai, maio, maiolo! Peor aínda é o mes que vén logo.
E ese que tantas veces teremos escoitado: " Ata o corenta de maio non quites o saio; e se volve a chover, vólveo a poñer."
Tamén é un mes propicio para as frases feitas: "Ser longo coma o mes de maio", "Vir coma auga de maio" ou "Andar co maio ao lombo". Esta última frase significa andar "moi canso", así que nós recomendámosvos que non vos amaiedes en maio! 

Créditos da foto: 
Lameiro. Maios Allariz. Recuperado de http://gl.wikipedia.org/wiki/Ficheiro:Maios_Allariz_01.JPG
E por certo, lembrámosvos que na nosa aula virtual tedes máis información sobre maio e os Maios.

mércores, 8 de abril de 2015

ESTAR FEITO UN ABRIL

Chegou abril, a primavera avanza e nós agardamos que todos esteamos feitos un abril, coma di a expresión popular. En calquera caso, parece que no refraneiro popular abril é percibido coma un mes "mobile qual piuma al vento", porque abundan os refráns que inciden no seu carácter inestable: tanto chove coma fai sol, se ben é certo que tenden a marcar a abundancia da chovia neste mes. Aquí van uns cantos tirados da galipedia:
  • Abril, augas mil, se non ó comenzo, ó medio ou ó fin.
  • Abril frío e mollado, enche o celeiro e farta o gado.
  • Abril quente e mollado, carga o carro e enche o gando.
  • As madrugadas de abril son propias para dormir.
  • Ben veña abril coas súas augas mil.
  • Cobras en marzo, neve en abril.
  • En abril, augas mil.
  • O frío de abril mata o porco no seu cubil.
  • O vento de abril e a lama de agosto, matan o viño anque sexa no mosto.
  • Entre marzo e abril sae o cuco do cobil, pois coa neve non quer vir.
  • Xaneiro, xeadeiro; febreiro, verceiro; marzo, airoso; abril, chuvioso; maio, pardo; san Xoán, claro, valen máis estos meses cas súas mulas co seu carro.
En calquera caso, algo hai seguro segundo o noso refraneiro: "Díxolle maio a abril: Anque che pese, heime rir."


Imaxe: "Abril" no libro de horas Les Très Riches Heurs du Duc de Berry (século XV). Atopada aquí.

martes, 3 de marzo de 2015

REFRANEIRO DE MARZO

Xa está aquí o mes de Marte, que é o que vén a significar marzo e con el a primavera, aínda que segundo os nosos antergos neste mes aínda se senten as frebas de marzo, é dicir, aínda fai mal tempo. Así que, imos co refraneiro marzal:
  • Cando marzo maiea, maio marcea.
  • Chuvia en marzo, como a mexeira dun gato.
  • Coida de podar en marzo, que o que poda en abril é ruín.
  • Día de san Xosé, primeira anduriña se ve.
  • En marzo auga que non molle o rabo do gato.
  • Entre marzo e abril, ou ha vir o cuco, ou a fin.
  • Entre marzo e abril sae o cuco do cubil, que coa neve non quer vir.
  • Entre marzo e abril sae o cuco do cubil, e entre san Xoán e a sega marcha o cuco para a súa terra.
  • Marzo amarzador, se un día é malo, o outro é peor.
Se queredes saber máis refráns sobre este mes recomendámosvos os seguintes enlaces:
E nós a, agardar oír o cuco mentres vemos florecer os narcisos, calzas de cuco ou amarelles posto que estes tres nomes recibe esta planta de flores amarelas en galego.
Créditos da fotografía: Narcissus 'Ice Follies' de Paul Henjum. Atopada aquí.


mércores, 4 de febreiro de 2015

REFRANEIRO DE FEBREIRO

Os refráns sobre febreiro son moi numerosos. Moitos deles fan referencia á Candeloria, que se celebra o 2 de febreiro: "Cando a Candeloria chora a mitá do inverno está fóra; se chora ou ri, o inverno está por vir, e se chora ou fai vento, inda o inverno está dentro", "Pola Candeloira casan os paxariños e maila galiñola", "Se a Candeloria vén mal o inverno está caroal".
Pero, hai moitos máis refráns referidos a febreiro:
  • Cando febreiro non febreirea, marzo marcea.
  • Cando non chove en febreiro, non hai bo prado nin bo lameiro.
  •  Entre xaneiro e febreiro, inverno verdadeiro.
  •  Febreiriño mocho, cos teus vinteoito, mellor sería se tiveras menos oito.
  •  Febreiro, currusqueiro; marzo ventoso; abril chuvioso; maio louro, cuberto de ouro.
  •  Xaneiro, xeadeiro; febreiro, berceiro; marzo, airoso; abril, chuvioso; maio, pardo; san Xoán, claro, valen máis estos meses cas súas mulas co seu carro.
Se queres saber máis sobre o refraneiro de febreiro recomendámosche a entrada da Galipedia onde atoparás un resumo e esta páxina sobre fraseoloxía galega da Secretaría Xeral de Política Lingüistica onde se recollen numerosos enlaces.
Créditos da fotografía: "Lavandeira" de Lmbuga (L.Miguel Bugallo S.). Atopada aquí.