luns, 10 de outubro de 2016

AS CORES DO AMENCER

Estes días nos que seguimos a gozar dun tempo despexado e con temperaturas moi agradables na parte central do día, tamén podemos contemplar preciosos amenceres como o que vos amosamos na fotografía.
O que máis caracteriza estes momentos do día, así como tamén o solpor, son os tonos vermellos que lle dan esa calidez tan especial. 
A explicación é sinxela. Nesas horas, os raios do sol entran case paralelos á superficie terrestre, co cal teñen que percorrer moita máis distancia (ata 10 veces máis) ata chegar ata nós. 
A atmosfera está chea de partículas, gotas de auga, cristais, po...e este tipo de materia ten a propiedade de que cando choca a luz con eles, rebota e sae despedida en todas direccións. 
Este fenómeno chámase dispersión e resulta máis acusado na luz con menor lonxitude de onda, que é a azul. Pero a de maior lonxitude de onda, que é a vermella, non experimenta de modo tan acusado este fenómeno e é quen de atravesar a atmosfera sen sufrir apenas transformación.
Por iso, no amencer e no solpor, como a luz percorre moitos quilómetros pola atmosfera, existen máis posibilidades de interacción con partículas, e so a luz vermella e alaranzada chega sen distorsionarse ata nos.
O que xa non podemos explicar moi ben é por qué esa sensación de paz e tranquilidade que nos transmite un amencer ou un solpor....e mira que vemos miles ao longo da nosa vida eh¡¡¡



CANCIÓN DO OUTONO


Saudamos a nova estación cun soneto de Otero Pedrayo do ano 1930 titulado "Canción de outono".


Canción d'outono

Roseira mainamente desfollada
por calada pasión. Ceibe fontela
que ó espallar da alborada,
inda garda a lembranza dunha estrela.

vaga nos ermos unha sombra amada,
ten a serra saudades de doncela
i esperta o pensamento ante a chamada
da longa noite e da mañán sinxela.

Pasa o setembre; no espido outeiral
demórase o solpor en longo ensono;
os coros da vendima enchen o val.

Namentras un nortiño en baixo tono
vai pousando no morno piñeiral
a sonata patéteca do outono.

Ramón Otero Pedrayo, Poesía

xoves, 6 de outubro de 2016

EMPEZAMOS O CURSO METEREOLÓXICO

Empezamos un novo curso no que imos deixar que sexan as nubes as mensaxeiras. Xogaremos un pouco a interpretalas, porque detras das nubes sempre se agochan unha morea de historias, de frío, de calor, de tormentas, de secas...
As que hoxe nos saudaban pola mañá de cedo auguraban un día seco e fresquiño. Ceos azuis emborronados con nubes altas, restos de cirros e cúmulos, que se reflectía nunha bonita estampa para esta entrada do outono. Despois dun verán anormalmente seco e caluroso, damos paso a un outono que aínda garda reminiscencias dese tempo seco e soleado. A ver canto dura ;-)