venres, 7 de xuño de 2019

XOGANDO CO TEMPO DENDE INFANTIL

Aquí temos as máis pequechas e aos máis pequechos do cole aprendendo sobre o tempo... e o gran protagonista para eles, sen dúbida, o vento...
Papaventos e tarabelos dannos moito xogo!





domingo, 2 de xuño de 2019

MEDICIÓNS NA ESTACIÓN METEOROLÓXICA

Aínda que non foi coa regularidade prevista, este curso parte do alumnado pasou pola estación meteorolóxica e seguiu reforzando algúns conceptos físicos co manexo dos aparellos que nela se atopan. Na imaxe podedes ver a un dos alumnos do grupo de Ciencias Aplicadas á Actividade Profesional.




mércores, 13 de febreiro de 2019

VÓRTICE

Vórtice temporal, vórtice magnético, vórtice de enerxía vórtice polar... Seguro que escoitaches a palabra en moitas ocasións. Pois ben, no Portal das Palabras atoparás máis sobre o significado e orixe desta palabra.

xoves, 20 de decembro de 2018

Contos de Santos e Nadal

Atopamos no Portal das Palabras unha entrada titulada "Entre Santos e Nadal" que non só nos lembra o libro de relatos de Otero Pedrayo, senón que tamén nos ofrece información de interese sobre o mes de novembro e decembro:

O outono despídese no mes de Santos e o inverno empeza o 21 de decembro, o día máis curto do ano, mes que na tradición popular denominamos Nadal. Novembro recibe tamén o nome de Santos pola tradición da cultura cristiá. “Ditoso mes que comeza cos santos todos”, di o refrán, “media con Euxenio (día 15) e remata con Santo André (día 30)”. Etimoloxicamente a denominación novembro vén do latín (mensis) november mais a través *novembrius, vocábulo que remite a nove, porque no calendario romano era o noveno mes, igual que decembro como era mes dez procede de (mensis) december. Naquel calendario anterior á reforma do 153 a.C., o ano empezaba en marzo, coa primavera (tempo axeitado para comezar as campañas militares), por iso o mes de decembro era o décimo.
O Portal das Palabras

martes, 13 de novembro de 2018

UN CURSO DE FESTAS POPULARES: O MAGOSTO

A festa do magosto era festa de rapaces e de mozas e mozos, festa de canto e baile. 
Antonio Fraguas, A festa tradicional en Galicia
Adriaen Coorte
Continuamos coa nosa particular homenaxe a Antonio Fraguas lembrando unha das festas tradicionais desta época: o magosto. Esta festa é, coma nos lembra o escritor pontevedrés "unha festa das colleitas" que tradicionalmente adoitaba se celebrar arredor do 1 de novembro, se ben en Ourense se conmemoraba o Día de San Martiño (11 de novembro). Hoxe en día as datas adoitan situarse entre finais de outubro e principios de novembro.


Fraguas recolle un poema de Eladio Rodríguez González no seu libro A festa tradicional en Galicia no que se reflicte esta festa:

Algunhas tardiñas, entre lusco e fusco,
séntese nos soutos
o estoupar das castañas asadas
i-o barrumbiar dos alegres magostos.
E o chega-las noites
e saír a sombra fóra dos seus tobos,
fórmanse as fiadas
onde se contan os tráxicos contos
e se fala de trasnos e de meigas
e se lembran pantasmas e agorios.

Eladio Rodríguez González

martes, 30 de outubro de 2018

ARCO DA VELLA DOBRE

Chegaron as chuvias, chegou o frío...isto xa parece unha situación máis propia de finais de outubro ou principios de novembro...
Entre os regalos que ás veces nos ten preparados a natureza puidemos observar nestas últimos días un arco da vella algo especial. É un arco DOBRE, o cal non é facil de visualizar porque téñense que dar unha serie de circunstancias algo especiais.
Cando a luz sae do sol ás nosas espaldas é luz branca...pero se temos a sorte de que chova pode ocorrer que esas pingas de auga teñan o tamaño axeitado para actuar como auténticos prismas que consiguen descompoñer a luz branca nas cores que a forman. 
Cando a luz branca entra na gota de auga pola súa parte superior rebota nas súas paredes e sae da mesma desviada en función da lonxitude de onda do raio, ou para que o entendas, en función da cor do raio. Unhas cores desvíanse máis e outras menos...este fenómeno de difracción trae como consecuencia algo tan fermoso como un conxunto de 7 cores coñecido como arco da vella.
Isto témolo observado moitas veces...pero o que non é tan habitual é que as gotas teñan as características axeitadas para permitir que teña lugar dentro das mesmas unha segunda reflexión interna nos raios que entran pola súa parte inferior...ao haber 2 rebotes dentro da gota pérdese bastante enerxía e por iso o segundo arco de vella ao que dá lugar non é tan intenso como o primeiro.
Se algunha vez o volves a ver fíxate que a orde de cores é INVERSA a do arco principal.
na seguinte fotografía captada esta semana pódelo visualizar bastante ben.


luns, 22 de outubro de 2018

UN CURSO DE FESTAS POPULARES

A vendima ou O outono de Goya

Iniciamos un novo curso e unha nova sección neste blogue que titulamos "Un curso de festas populares". Queremos lembrar nesta sección as festas populares a través da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas: Antonio Fraguas. Entre a súa abundante obra figura un libro titulado A festa popular en Galicia e pareceunos que sería unha boa idea ir lembrando algunhas destas festas a través dos seus textos ou os doutros autores, xa que coma sabedes estas están moi vinculadas cos ciclos agrícolas e coas estacións.
Ramón Cabanillas

Empezamos coa vendima que se realiza habitualmente a finais de setembro e comezos deste mes de outubro. Escollemos unhas estrofas do seu poema "Vendima en Salnés" que, por certo, tamén recolle Fraguas no amentado libro.

No carro ven a tinalla, cheíña a non poder máis;
detrás, as vendimadoras, a rir , collidas das mans.

O carro vén derradeiro, chirra que te chirrarás
e por riba do rinchido rompe unha moza a cantar.

Lévame no carro, leva,
carreteiriño das uvas;
lévame no carro, leva
comerei das máis maduras.
Ramón Cabanillas, Poemas soltos

E por se queredes saber coma foi a vendima este ano en Galicia deixámosvos un enlace coas novas relacionadas con esta na TVG.